A Ruta Conserveira, unha iniciativa turística que pon en valor un sector fundamental da economía galega

Home  /  Nacional  /  A Ruta Conserveira, unha iniciativa turística que pon en valor un sector fundamental da economía galega

Se son amantes da conserva e da tradición, a súa é a Ruta Conserveira. Unha iniciativa turística que pretende poñer en valor e promocionar as tradicionais factorías de transformación de peixe, e algunhas outras novas que xurdiron nos últimos tempos.

A Ruta Conserveira nace para amosar o grande catálogo de empresas galegas dedicadas a este sector, que conforman o 50% do total das españolas, algunhas delas cunha bagaxe de máis dun século de historia. É unha iniciativa que permite ás empresas colaboradoras mostrar a preparación dos seus produtos. Trátase dunha mestura de turismo gastronómico e industrial.

“Penso que é fundamental, hoxe en día sobre todo en comparación co que podemos atopar, estou falando a nivel alimentación, é moi importante que saiban cómo traballas. Por que? Porque eu podo dicir que o meu produto se fai dunha forma concreta, nós aquí facemos unha conserva artesá, de calidade, é exclusivo o método de traballo. Entón, ti como podes demostrar iso? Eu podo dicilo pero se a xente non o coñece dentro, é complicado de mostrar. Isto é perfecto para nós nese sentido, porque a xente vén, ven o que facemos, ven como o facemos. A xente vaise contenta, sabe o que despois ela está comendo e tamén é capaz de elixir que conserva vai consumir”, di Sergio Baamonde López, de Conservas Mar de Ardora.

O volume de visitas durante o primeiro ano da experiencia non cumpriu as expectativas, pero espérase que este verán a tendencia cambie, xa que o fomento desta iniciativa é positivo para a economía da zona. “Nós supoñemos que si, tamén foi un ano de proba, foi así daquela maneira. Pero esperamos que comece a haber maior rotación de xente”, mantén Alberto Sánchez de Toca, de Conservas Mar de Ardora. “Algunha houbo, pouquiñas, algún colexio máis que nada neste Nadal… Moi pouca xente”, comenta Ana Docanto Bouzamayor, de Conservas La Pureza.

A industria conserveira é un dos nosos sectores fundamentais, e con este paseo poderán coñecer a ciencia certa que levamos ás nosas mesas.

(Fonte: CRTVG, 24/02/2015)

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *